Ante a avalancha de críticas verquidas pola demora de novos artigos, actualizamos o blog hoxe.
A frase do título significa aproximadamente Que hai?, e é un sinal inequívoco de que comezamos as clases de danés a semana pasada. En realidade, é un idioma imposible de aprender. O que escribes e o que les é totalmente distinto, aparte de ter vinte mil sons diferentes aos nosos. O único punto a favor é que moitas palabras son a orixe do inglés actual, polo que vas sacando deste xeito algunha que outra. Para os alemán é bastante sinxelo, sería como para nós o portugués, por exemplo.
A foto da comida é para tranquilizar á poboación sobre os meus hábitos culinarios. Pasar non pasamos fame (a foto corrobórao), pero é difícil atopar alimentos de calidade. Moita comida conxelada e moi pouca variedade. Unha cousa que me chama a atención é a nula oferta de peixe nos supermercados, todo se resume a anacos de salmón en bolsas de plástico e filetes de pescado conxelados, nada máis. Un día tería que ir ao porto na procura dunha lonxa, aínda que se subastan en danés levámola clara...
Esoutro día fomos uns cantos dar un paseo polo centro da cidade e tentar facer fotos de corte artístico sobre a cidade, aquí van algunhas delas. A tarefa foi algo complicada, porque para o meu gusto Aarhus non é unha cidade bonita. Así e todo, atopamos un barrio de corte alternativo con bares e casas con encanto, e a zona das praias tampouco está mal. A catedral é unha estafa, por dentro ten as paredes con cal e é bastante pequena para ser considerada catedral (é a máis grande de Dinamarca), pero é o que teñen as correntes protestantes do cristianismo, que non se esmeraban moito nos templos.
O sábado pasado tivemos en Stavnsvej a nosa primeira festa oficial da urbanización. Alugamos a common room (30 euros nos costou) e alá nos xuntamos 50 persoas. Dicir que foi unha festa coma outra calquera, co aliciente de que os encargados de mercar as bebidas só tiveron que pagar 2 caixas de cervexa, xa que o caixeiro do Bilka esqueceuse das outras tres...
Acabo de chegar dunha clase onde un alemán vén de dicirme que me parezo a Fernando Alonso, así que vou dar un paseo para esquecer o sucedido.
No hay comentarios:
Publicar un comentario