martes, 23 de septiembre de 2008

World's happiest country?

Lédeo mentres meto a pizza no forno e comentámolo despois:

http://www.spiegel.de/international/business/0,1518,573447,00.html

miércoles, 17 de septiembre de 2008

Conta de Skype

Por certo, para quen teña conta de Skype, a miña é elias.sampedro.gonzalez

Moi orixinal como vedes...

lunes, 15 de septiembre de 2008

Hvad med dig?











Ante a avalancha de críticas verquidas pola demora de novos artigos, actualizamos o blog hoxe.

A frase do título significa aproximadamente Que hai?, e é un sinal inequívoco de que comezamos as clases de danés a semana pasada. En realidade, é un idioma imposible de aprender. O que escribes e o que les é totalmente distinto, aparte de ter vinte mil sons diferentes aos nosos. O único punto a favor é que moitas palabras son a orixe do inglés actual, polo que vas sacando deste xeito algunha que outra. Para os alemán é bastante sinxelo, sería como para nós o portugués, por exemplo.

A foto da comida é para tranquilizar á poboación sobre os meus hábitos culinarios. Pasar non pasamos fame (a foto corrobórao), pero é difícil atopar alimentos de calidade. Moita comida conxelada e moi pouca variedade. Unha cousa que me chama a atención é a nula oferta de peixe nos supermercados, todo se resume a anacos de salmón en bolsas de plástico e filetes de pescado conxelados, nada máis. Un día tería que ir ao porto na procura dunha lonxa, aínda que se subastan en danés levámola clara...

Esoutro día fomos uns cantos dar un paseo polo centro da cidade e tentar facer fotos de corte artístico sobre a cidade, aquí van algunhas delas. A tarefa foi algo complicada, porque para o meu gusto Aarhus non é unha cidade bonita. Así e todo, atopamos un barrio de corte alternativo con bares e casas con encanto, e a zona das praias tampouco está mal. A catedral é unha estafa, por dentro ten as paredes con cal e é bastante pequena para ser considerada catedral (é a máis grande de Dinamarca), pero é o que teñen as correntes protestantes do cristianismo, que non se esmeraban moito nos templos.

O sábado pasado tivemos en Stavnsvej a nosa primeira festa oficial da urbanización. Alugamos a common room (30 euros nos costou) e alá nos xuntamos 50 persoas. Dicir que foi unha festa coma outra calquera, co aliciente de que os encargados de mercar as bebidas só tiveron que pagar 2 caixas de cervexa, xa que o caixeiro do Bilka esqueceuse das outras tres...

Acabo de chegar dunha clase onde un alemán vén de dicirme que me parezo a Fernando Alonso, así que vou dar un paseo para esquecer o sucedido.

martes, 2 de septiembre de 2008

Aqueles marabillosos anos....



Momento melancólico...

Algunhas cousas:

- O meu teléfono danés: 0045 52 52 17 88 (pero a poder ser chamade ao outro que este é de tarxeta e acábaseme o saldo)

- Esqueceuseme contar unha anécdota do outro día:

Situación: Elgiganten, unha tenda de electrodomésticos no centro de Aarhus.
Personaxes: un dependente da tenda e un servidor na procura dun móbil co que usar a tarxeta que mercara.




Elías: Excuse me, can I use my spanish card with this phone?

Dependente: Eeeehhhh..... is Spain a part of Europe????

Elías (ollos coma pratos e dubidando de se escoitara ben): Yes.............

Dependente: Oh, sure! I'm sorry, but I cannot remember all the countries of the European Union

Vaia machada! O mito do sistema educativo danés polo chan. Ou será que realmente Europa acaba no Padornelo?

- Xa merquei un ticket para 10 viaxes no bus por 115 coronas (sobre 17 eurazos). Estes dez últimos días tecnicamente estaba quebrantando a lei, pero temos que ter en conta que os erasmus non temos por que saber durante un período de tempo considerable que o bus se paga na máquina que tes xunto enfrente da entrada do autocar, cunhas letras grandes indicando para que sirve. Outra cousa é a franxa de tempo que empregues para adaptarte. Eu como vía que todo o mundo se estaba pasando ao lado legal con bonos mensuais (a multa para o que non teña o billete en regla nunha revisión no bus é de 500 coronas, 75 euros) merqueime un hoxe. Agora actúo de cara á legalidade danesa pero xa non é tan divertido ir en bus...

lunes, 1 de septiembre de 2008

Notas mentais 2



Nota mental 4: a universidade organiza para os guiris unha semana de introdución na que dous estudantes de máster se encargan de nos dirixir nas actividades. A min tocáronme dous moi divertidos (a xente en Dinamarca é totalmente aberta e divertida, e sobre todo moi moi moi moi educada e cordial, o outro día estaba máis perdido ca un pulpo nun garaxe e a xente parábase na rúa para axudarme), Morten e Kirstensen. Pasámonos toda a semana co noso berro de guerra "shots!" (chupiños).

Nota mental 5: o domingo á mañá erguinme cedo, ás oito e media, e dirixíame a lavandería cando me topei con dous coches calcinados. Polo visto a noite anterior a eso das tres da mañá comezaron a arder estes coches, posiblemente o suceso fora intencionado. O caso é que como os xornais daneses non os temos moi en conta, non sabemos aínda qué pasou realmente. Para a vosa tranquilidade, dicir que Stavnsvej é un lugar moi tranquilo ás aforas de Aarhus, así que non hai problema de ningún tipo.

Notas mentais



Nota mental 1: hoxe foi a miña primeira clase na Aarhus School of Business: Management of Innovation. O profesor é británico, polo tanto fala coma se todos foramos das aforas de Liverpool. En principio parece unha das marías, hai que levar lidos os textos do seu libro (igual que en Santiago, esto de obrigar aos alumnos a ler o libro do profesor é francamente dictatorial) e no exame pregunta os temas que tratamos en clase. A ver que tal...

Nota mental 2: acabo de decatarme que aínda non sei pegar as fotos co seu texto correspondente, desculpas... A foto que acabo de subir é a da festa dos novatos do mércores pasado, esa na que ás sete da tarde todos os daneses (e os que non o son) pintaban a mona no interior da universidade. A foto está tomada nun auditorio preto da escola, e podedes comprobar a magnitude do evento, todo o mundo (agás os erasmus, bastante sosos por certo á hora de disfrazarse) disfrazado de variopintas profesións.

Nota mental 3: a foto que fixen de Aarhus coido que é a máis bonita que se pode sacar. Non me está a gustar a cidade, demasiado vila para o meu gusto de cidade. Agardemos que co tempo cambie a miña percepción, aínda que vivindo a seis km dela non a pise moito.

miércoles, 27 de agosto de 2008

Están tolos estes daneses

Esta semana temos a Introduction Week, unha serie de xogos e presentacións que teñen por obxectivo sacarnos cuartos por calquer chorrada e emborrachar aos estudantes para que se fagan amigos. Tan simple como esto. Comezarei parte por parte.

Dende onte ata o venres, a ASB organiza unha serie de conferencias e presentacións que teñen por obxectivo tentar ubicar ao estudante perdido. Sepárannos en dez grupos e imos vendo os edificios da escola de negocios e os servizos da ASB (por certo, o auditorio do edificio chámase Tuborg Auditorium, patrocinado por unha marca de cervexa. Imaxinádesvos a que se montaría aí se de súpeto aparece un decano que tenta nomear unha aula Aula Estrella Galicia?). Por 300 coronas (uns 45 euros) temos comida gratis ( uns bocadillos bastante ricos) pero non a bebida, que a temos que pagar aparte. Ademais, nos deron de alta no campus virtual e nos fixeron socios da principal asociación de estudantes, Studenterlaugert ou algo así, previo pago de 100 coronas. O bo que ten ser socio é que che fan descontos e o máis importante, entras gratis en Klubben. E aquí comeza o bo.

Klubben é o nome da discoteca da universidade. Si,lestes ben, a Escola de Negocios posúe un bar nos sotos que os xoves á noite se converte nunha ampla discoteca ata as dúas da mañá, ofrecendo as copas máis baratas de todo Aarhus (chegados a este punto, é preciso sinalar que aproximadamente medio litro de caña costa alí 20 coronas, menos de 3 euros). Está decorado con chasis de camións, un montón de mesas con sofás e varias salas de baile, digno de ver. Na publicidade en internet aparece coma o bar que máis cervexa vende en toda Dinamarca (algo esaxerada me parece a afirmación), e nun día de aglomeración se poden xuntar 1000 persoas tranquilamente. Aparte do Klubben, existen outros bares coma Plugg In e Plugg Down,que en datas especiais tamén se converten en discotecas.

E todo esto para qué? Pois para decatarnos os que non somos daneses que esta xente é moi lista. Como saben de sobra que a única maneira de coñecer xente é nun bar cunha copa na man, evitan burdos e absurdos xogos de iniciación e organizan cada noite desta semana unha festa por todo o alto. Onte, o primeiro día, organizaron unha festa no Klubben, primeiro con cea (cervexa gratis incluída) e despois con bailoteo por doquier. Aínda que pecha ás dúas, os residentes en Tilst temos que marchar ás doce e media porque máis aló non hai autobús. E hoxe foi o día grande.

Un toro mecánico no medio do claustro. Un montón de mesas das de comer o pulpo na feira ateigadas de daneses novatos disfrazados de múltiples motivos. Dúas barras exteriores con carpa por mor da choiva que caía hoxe en Aarhus. E todo esto dentro da Escola de Negocios, cunhas medidas de seguridade (gardas vestidos de negro con pinganillo) que en Galicia non se ven nunha discoteca de postín. A festa dos novatos daneses comezaba co paseo cara a un auditorio preto da ASB onde a golpe de micrófono unha rapaza animaba aos preto de 1000 congregados con pasos de baile ranchero (ante o espectáculo, un yonki ancián que estaba ao meu carón empezoume a preguntar cándo puñan música, para acto seguido comparar á pobre rapaza con Hitler porque ambos podían controlar a masas doadamente). Logo de bailar baixo a choiva, os etilicamente intoxicados nórdicos chegaron á escola para bailar, seguir bebendo, montar no touro mecánico, seguir bebendo e berrar do xeito que só sabe facelo un nórdico borrachón.Ah, e todo esto cunha cea que foi servida ás seis da tarde (comemos o bocadillo ás doce), polo que ás oito o ambiente estaba máis caldeado que nalgunhas vilas coma Xinzo ás 3 da mañá.

Aviso para visitantes: aprendín o baile dunha canción que debe ser algo así coma o Aserejé danés, así que vos ides cansar de escoitar a dita canción, esa e outra a maiores en danés, xa que os pinchadiscos en Klubben repiten esas canción 5 veces á hora. E por certo, tamén lles gusta moito Aqua, que para eso son daneses.

E o resto xa se sabe: bailoteo, ligoteo de quen pode e esas cousas. Respecto ao do ligoteo, comentar que xa se comezan a percibir por onde van os tiros de cada un, aínda que eu non conto porque o meu nivel de inglés é pésimo e sen falar só liga o Cabrera que para eso é Míster. Aínda así, hai algun (ou algunha) que vai bastante avanzad@ na materia... Hasta aquí puedo leer.

En definitiva,a miña teoría é que os da ASB queren que gastemos todos os cuartos, que saiamos de festa ata rebentar e que nos cansemos da boa vida para así a partir do primeiro de setembro dunha serie de alumnos dispostos a estudiar.

E por hoxe nada máis, mañá ás nove vén o home das chapuzas de Stavnsvej a mirarnos o desaugue da ducha, que está tapado e provoca que a auga veña para arriba.

Elías
E por hoxe nada máis