miércoles, 27 de agosto de 2008

Están tolos estes daneses

Esta semana temos a Introduction Week, unha serie de xogos e presentacións que teñen por obxectivo sacarnos cuartos por calquer chorrada e emborrachar aos estudantes para que se fagan amigos. Tan simple como esto. Comezarei parte por parte.

Dende onte ata o venres, a ASB organiza unha serie de conferencias e presentacións que teñen por obxectivo tentar ubicar ao estudante perdido. Sepárannos en dez grupos e imos vendo os edificios da escola de negocios e os servizos da ASB (por certo, o auditorio do edificio chámase Tuborg Auditorium, patrocinado por unha marca de cervexa. Imaxinádesvos a que se montaría aí se de súpeto aparece un decano que tenta nomear unha aula Aula Estrella Galicia?). Por 300 coronas (uns 45 euros) temos comida gratis ( uns bocadillos bastante ricos) pero non a bebida, que a temos que pagar aparte. Ademais, nos deron de alta no campus virtual e nos fixeron socios da principal asociación de estudantes, Studenterlaugert ou algo así, previo pago de 100 coronas. O bo que ten ser socio é que che fan descontos e o máis importante, entras gratis en Klubben. E aquí comeza o bo.

Klubben é o nome da discoteca da universidade. Si,lestes ben, a Escola de Negocios posúe un bar nos sotos que os xoves á noite se converte nunha ampla discoteca ata as dúas da mañá, ofrecendo as copas máis baratas de todo Aarhus (chegados a este punto, é preciso sinalar que aproximadamente medio litro de caña costa alí 20 coronas, menos de 3 euros). Está decorado con chasis de camións, un montón de mesas con sofás e varias salas de baile, digno de ver. Na publicidade en internet aparece coma o bar que máis cervexa vende en toda Dinamarca (algo esaxerada me parece a afirmación), e nun día de aglomeración se poden xuntar 1000 persoas tranquilamente. Aparte do Klubben, existen outros bares coma Plugg In e Plugg Down,que en datas especiais tamén se converten en discotecas.

E todo esto para qué? Pois para decatarnos os que non somos daneses que esta xente é moi lista. Como saben de sobra que a única maneira de coñecer xente é nun bar cunha copa na man, evitan burdos e absurdos xogos de iniciación e organizan cada noite desta semana unha festa por todo o alto. Onte, o primeiro día, organizaron unha festa no Klubben, primeiro con cea (cervexa gratis incluída) e despois con bailoteo por doquier. Aínda que pecha ás dúas, os residentes en Tilst temos que marchar ás doce e media porque máis aló non hai autobús. E hoxe foi o día grande.

Un toro mecánico no medio do claustro. Un montón de mesas das de comer o pulpo na feira ateigadas de daneses novatos disfrazados de múltiples motivos. Dúas barras exteriores con carpa por mor da choiva que caía hoxe en Aarhus. E todo esto dentro da Escola de Negocios, cunhas medidas de seguridade (gardas vestidos de negro con pinganillo) que en Galicia non se ven nunha discoteca de postín. A festa dos novatos daneses comezaba co paseo cara a un auditorio preto da ASB onde a golpe de micrófono unha rapaza animaba aos preto de 1000 congregados con pasos de baile ranchero (ante o espectáculo, un yonki ancián que estaba ao meu carón empezoume a preguntar cándo puñan música, para acto seguido comparar á pobre rapaza con Hitler porque ambos podían controlar a masas doadamente). Logo de bailar baixo a choiva, os etilicamente intoxicados nórdicos chegaron á escola para bailar, seguir bebendo, montar no touro mecánico, seguir bebendo e berrar do xeito que só sabe facelo un nórdico borrachón.Ah, e todo esto cunha cea que foi servida ás seis da tarde (comemos o bocadillo ás doce), polo que ás oito o ambiente estaba máis caldeado que nalgunhas vilas coma Xinzo ás 3 da mañá.

Aviso para visitantes: aprendín o baile dunha canción que debe ser algo así coma o Aserejé danés, así que vos ides cansar de escoitar a dita canción, esa e outra a maiores en danés, xa que os pinchadiscos en Klubben repiten esas canción 5 veces á hora. E por certo, tamén lles gusta moito Aqua, que para eso son daneses.

E o resto xa se sabe: bailoteo, ligoteo de quen pode e esas cousas. Respecto ao do ligoteo, comentar que xa se comezan a percibir por onde van os tiros de cada un, aínda que eu non conto porque o meu nivel de inglés é pésimo e sen falar só liga o Cabrera que para eso é Míster. Aínda así, hai algun (ou algunha) que vai bastante avanzad@ na materia... Hasta aquí puedo leer.

En definitiva,a miña teoría é que os da ASB queren que gastemos todos os cuartos, que saiamos de festa ata rebentar e que nos cansemos da boa vida para así a partir do primeiro de setembro dunha serie de alumnos dispostos a estudiar.

E por hoxe nada máis, mañá ás nove vén o home das chapuzas de Stavnsvej a mirarnos o desaugue da ducha, que está tapado e provoca que a auga veña para arriba.

Elías
E por hoxe nada máis

domingo, 24 de agosto de 2008

Welcome to Aarhus

Logo dunha fin de semana algo ocupada, comezamos coa bitácora da experiencia Erasmus en Aarhus, a segunda cidade máis importante de Dinamarca para quen non o saiba. Evidentemente este blog vai dirixido a tódalas aquelas amizades que queiran estar informadas das miñas aventuras entre estes vikingos, non creo que sexan moitos os lectores pero non importa.

A viaxe todo un tostón, tivemos que agardar sete horas! en ese aeroporto tan aburrido que é Stansted, pero a espera pagou a pena.

Vivo en Stanvsvej, un pequeno complexo residencial en Tilst, ás aforas de Aarhus. A cidade é moi bonita, cunha chea de zonas verdes e edificios baixos, o malo é que hai que camiñar unha chea. Aquí nos xuntamos rapaces de tódalas nacionalidades: polacos, franceses, italianos, austríacos, alemáns... O meu compañeiro de dúplex (sí, un pequeno dúplex para dúas persoas edificados de xeito adosado) é un rapaz esloveno chamado Marko. O malo da casa son dúas cousas: a xanela do baño non ten cortina, algo que fai que calquera na rúa me poida ver mentres me ducho; a outra é que a miña habitación ten unha porta de cristal, problema semellante ao do baño. Polo resto, nunca me imaxinei que na miña vida universitaria ía ter un habitáculo coma este!

A atención da universidade foi extraordinaria, agardáronnos ata as doce da noite o venres e acompañáronnos ata a residencia, moi atentos e moi sorrintes, que aprendan os da ORE de Santiago.

Proximamente iremos actualizando este modesto diario que hoxe non teño moita inspiración...